No corazón da vila mariñeira de Pontevedra sitúase dende a Idade Media o mosteiro de Santa Clara, fogar do convento das clarisas probablemente dende finais do século XIII e, de seguro, dende os inicios do XIV. Lendas, vidas e historias mestúranse nos muros góticos deste edificio que se ergue cara o ceo con arcos apuntados e paredes rexas.
As súas ocupantes tomaron forma dunha veciña máis da vila; pontevedresas que, dun ou doutro xeito, participaron da economía, da sociedade… da vida de Pontevedra. E mentres, o edificio creceu, cambiou, modificouse e adaptouse nunha viaxe que se percorre paseniño pero con intensidade dende o Medievo até o día de hoxe.
A apertura agora das súas celosías é a apertura da súa herdanza, nunha xestión e difusión que asume o Concello de Pontevedra para abrir o patrimonio á cidadanía. Coñezamos un pouco máis o convento e mosteiro de Santa Clara de Pontevedra.
En xaneiro de 2023, o Concello de Pontevedra realizou a cesión gratuíta, en favor da Deputación de Pontevedra, da titularidade dos terreos que conforman o Recinto conventual e Templo denominado Convento de Santa Clara, coa finalidade de proceder á súa rehabilitación e, de ser o caso, reconstrución ou ampliación parcial, con destino a museo integrado na Rede de museos da cidade de Pontevedra e con posible inclusión no recinto de instalacións destinadas á xestión integral dos fondos arqueolóxicos do Museo de Pontevedra. Ditos usos compatibilizaranse coa adscrición ou afectación concorrente ao uso público por parte da cidadanía do denominado “bosque”, a horta e parte dos eidos non edificados, así como o uso compartido do antigo templo para actividades culturais e dotacionais.