A IGREXA

CABECEIRA

 

A cabeceira de Santa Clara de Pontevedra é unha das partes máis características e recoñecibles do templo. A súa construción comeza no ano 1362, grazas en parte á doazón que fai Aldonza Fernández de Churruchao para facer a cabeça da igrexa. Ten planta helicoidal e é un pouco máis estreita que o corpo da nave central e única da igrexa, nunha forma que non é única na arquitectura mendicante galega.

 

No exterior elévase en arcos apuntados de estilo gótico cubertos con vidreiras. No interior, a ábsida queda máis elevada que a nave e cóbrese cunha bóveda oxival, tamén moi propia do gótico, composta por oito nervios. O proxecto foi de longo percorrido, e a súa finalización esténdese até 1510; un momento no que o mosteiro estaría xa operativo nos seus edificios principais.

PORTADAS

 

Na Idade Media, os edificios falaban ao visitante; amosaban escenas que trataban de transmitir ideas e conceptos: ideas de relixiosidade e piedade, neste caso.

 

O acceso á igrexa de Santa Clara realízase a través de dúas portadas. A da dereita foi renovada cun arco de medio punto, máis redondo na forma e sen apenas decoración, pero a da esquerda mantén a súa decoración orixinal e ábrese en arco apuntado. Represéntase aquí o Xuízo Final, organizado en dúas arquivoltas. A figura central é a de Cristo ensinando as mans, arrodeado por catro anxos a cada lado. Xa na arquivolta seguinte, continúan as representacións de santos e apóstolos; posiblemente San Pedro, San Pablo, San Miguel e un San Francisco ou Santiago. E finalmente debaixo, a cada lado, preséntanse á dereita os xustos, envoltos e descansando; e á esquerda, os condenados, en tormento monstruoso. É probable que a escena continuase no arco da outra portada pero non queda resto algún.

ESCUDOS

 

No muro, podemos ver as labras heráldicas de diferentes familias da alta sociedade pontevedresa e especialmente vinculadas ao mosteiro de Santa Clara como benfeitores. Terían sido colocadas no século XV. Nelas podemos apreciar os símbolos das familias Castelo e Soutelo, facendo ángulo e esquina a carón das celosías; o dos Cruu, cuns cordeiros, nun dos brasóns máis antigos de toda Pontevedra e dunha das familias máis potentes; a dos Soutomaior, axadrezada; e a dos Ocampo ou Bermúdez, axadrezada tamén pero con cadrados de maior tamaño. Un testemuño gráfico da relación entre os sectores privilexiados.

CANZORROS

 

Na arquitectura medieval moitos elementos que poderían ser simples compoñentes da estrutura toman significado e sentido estético a través das labras e motivos que nos amosan. É o que ocorre cos canzorros, saíntes de pedra xeralmente decorados con figuras. Vémolos ao longo do beiral que vai por riba das portadas, na parte alta, saíndo do edificio.

En Santa Clara son 29 figuracións con diferentes representacións. Algúns deles son xeométricos, outros florais ou vexetais e, entre os figurativos, hai varias cabezas e figuras.

Hai un atlante sostendo a cuberta, varias cabezas de animais (can, mono, parrulo, serpe) e diferentes figuras humanas en actitudes variadas: unha sentada cun libro, outra barbada e algunha en actitude sexual.

Non estamos vendo só pedras con forma; vemos ideas, pensamentos, conceptos e aquilo que, en definitiva, se quería transmitir, por moito que puidese perder o significado nos tempos actuais.

ALTAR MAIOR

 

A capela maior é o espazo central das igrexas, acollendo o que se chama xeralmente altar grande. Se o exterior da igrexa ofrece boa mostra da arquitectura medieval, o interior conserva unha magnífica herdanza barroca.

O retablo do altar maior rematouse no ano 1730, nun estilo chamado barroco churrigueresco e caracterizado pola enorme decoración, presidido aquí pola figura central de Santa Clara. A santa fica rodeada entre catro columnas salomónicas, torcidas, e acompañada polas imaxes de San Francisco, Santo Antonio, San Miguel, San Fernando e a Asunción. Por baixo, a figura de San Vicente Mártir xacente nunha custodia dunha reliquia do santo. O retablo sitúase baixo a cuberta da ábsida cunha bóveda gótica de oito nervios, finalizando o conxunto de aquela cabeceira edificada no século XIV. O que hoxe vemos, pois, non é senón a suma de estilos, gustos e tempos.

AS TUMBAS LATERAIS

 

Era habitual nas épocas medieval e moderna que tanto os benfeitores dos templos e institucións como os persoeiros especialmente destacados tivesen un enterramento significativo, tanto polo lugar como polo monumento. Nestes casos, a inhumación realizábase dentro dos paredes da igrexa. En Santa Clara contamos con varias tumbas localizadas a carón dos muros. É o caso de Sor María de Santo Antonio, abadesa falecida en 1616 con fama de santidade e enterrada xunto ao altar da Virxe dos Desamparados.

De outros, anteriores, non podemos identificar ao defunto. Son os situados na parede da dereita. Aquí atopamos dous, cada un recollido co seu arcosolio en arco apuntado. Non teñen figura xacente nin texto que nos oriente, aínda que un deles deixa ver dous escudos da familia dos Camba e, quizais, dos Moscoso, e finalmente outro que podería ser un baixorrelevo coa labra dun báculo. Neste caso, serían sempre benfeitores, pois os restos das monxas descansarían dentro, no cemiterio monacal.

O RETABLO DOS DESAMPARADOS

 

A Virxe dos Desamparados ten certa veneración na península Ibérica e en Galicia, nun culto que vén xa de inicios do século XV, con capelas e altares en Santa Cristina de Campaña ou en Santa María de Abades. En Santa Clara de Pontevedra, é unha das senlleiras devocións, nomeadamente no barrio da Moureira. Así vemos este retablo de estilo barroco que se sitúa a modo de altar xunto a un dos muros da igrexa conventual, o máis próximo ao coro.

En orixe habería outro retablo, de menor calidade, pero a finais do século XVII, a irmá Sor Benita Tareixa de San Xoán Evanxelista Mariño, tería encargado este ao pintor italiano Luca Giordano, que na súa estancia en España foi autor entre outras obras de varias pinturas para El-Rei Carlos II. O retablo elabórase para dar mellor visibilidade, lustre e protección ao cadro da Virxe dos Desamparados, coroada e co Neno, que ten no medio, deixándoo entre catro columnas lisas e adornadas con motivos florais e vexetais. Finalmente, pequenas imaxes de Santa Ana e San Xoaquín completan o conxunto.

OS COROS

 

Un dos espazos destacados nas igrexas conventuais, a medio camiño entre o culto e a vida común, é o coro. Do mesmo xeito que nas catedrais, son lugares de recollemento, oración e música. Seguindo a localización habitual, en Santa Clara de Pontevedra atopamos o coro aos pés da nave central, espazo reservado para a comunidade e para os oficios cantados.

O cadeirado, de madeira, organízase en dúas ringleiras organizadas en dúas alturas, o que se chama dous coros: un alto e outro baixo. Era este último o ocupado principalmente polas monxas no oficio cantado diario e nos usos da oración.

Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad