AS MULLERES DO CONVENTO

Monxas e abadesas

 

Dende o último terzo do século XIII, a comunidade das clarisas pasa a ocupar un papel destacado na vida feminina monástica de Pontevedra, o que se entende se ollamos para as mulleres que a integran. A organización é a típica de calquera mosteiro: unha abadesa dirixe a comunidade e as monxas desenvolven as tarefas cotiás nunha vida en común. A fundación e os primeiros tempos van vencellados á figura de dona Leonor Rodríguez, a primeira abadesa, que deixa unha fonda pegada, pois falece en 1341 con fama de santidade. Era descendente da casa nobiliaria dos Mariño de Lobeira. É usual que ocupen este posto mulleres membros da nobreza e dos grupos máis sobranceiros da vila. A inicios do século XV foi abadesa dona Aldonza Estévez de Soutomaior e, a finais, dona Leonor de Montenegro.

A comunidade alcanza a decena de monxas nesta Baixa Idade Media, segundo podemos ler nas listaxes conservadas, un número que parece baixo pero que é igual ao de monxes franciscanos en Pontevedra. O clero era, xunto coa nobreza, a clase privilexiada, destino de rendas e pagos. E Santa Clara de Pontevedra percibía as súas rendas igualmente, grazas a privilexios como o que lles concede o rei Afonso XI en 1312 e que se mantén até o século XIX.

 

Se as abadesas eran de importantes familias nobiliarias, entre as monxas tamén abundaban as mulleres de familias burguesas da vila que, no momento de ingresar na orde e profesar no convento, acompañaban o acto de benfeitorías e doazóns. Coñecemos así a clarisas do convento que proceden das familias de Aldán, da Ponte, Prego ou Falcoa. Coas achegas de parte do seu patrimonio familiar van fornecer o propio da institución; explicando non só a súa consolidación senón o mantemento e crecemento do edificio na Historia.

Dona Maior Pérez doa ao convento de Santa Clara uns baños e casas (1327). © Arquivo do Reino de Galicia

Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad