A ORIXE

A comunidade das clarisas é a orixinadora do edificio que vemos hoxe e do mantemento da súa vida e actividade. Dende o seu establecemento en Pontevedra, cara ao último terzo do século XIII, as clarisas desenvolven a súa vida diaria, cotiá e cidadá mais monástica e claustral, nos espazos propios e na relación coa vila.

 A Orde das Clarisas

O nome común deriva do máis elaborado Irmás Pobres de Santa Clara, no inicio dunha orde que nace na propia Idade Media. Cando a comezos do século XIII as cidades crecían, a economía se fortalecía e a sociedade bulía, unha nova concepción do monacato espallouse por Europa: os monxes e monxas afástanse do retiro do mundo rural e aproxímanse aos espazos habitados e concentrados onde pensan que poden ser máis útiles, coas cidades como centro e a esmola como medio de vida.

As Ordes Mendicantes

Nacen así os Franciscanos, os Dominicos e, relacionados cos primeiros, as Clarisas, en medio dun reforzo do papel feminino no eido monástico en todo o século XIII. Toman o nome de Clara de Asís quen, nesta nova forma de devoción, seguira a San Francisco en 1212 xunto cunha amiga, Pacífica. O santo déralles un hábito coma o seu e retiráronse para viviren en monacato contemplativo e asentándose xa nese mesmo ano na igrexa de San Damián, en Asís. Dende este primeiro momento, e do mesmo xeito que as ordes mendicantes masculinas, experimentan unha enorme expansión por Europa. Co aumento da súa sona, vánselle unindo as que serán as primeiras monxas da orde, que chegan á península Ibérica en 1227, coa fundación da comunidade de Santa Engracia, en Pamplona.

Expansión por toda Europa

A aprobación da regra das Clarisas tivo lugar o 9 de agosto de 1253, dous días antes do falecemento de Clara, canonizada dous anos despois. A orde, tamén coñecida como Segunda Orde Franciscana expande dende entón unha presenza sostida entre o monacato feminino salientada nos séculos XIV e XV pero que se estende até máis aló da Idade Media para alcanzar, coas súas vicisitudes, os tempos actuais.

As clarisas de Pontevedra

A instalación da orde na península Ibérica vén ligada á expansión dos Franciscanos, de xeito que a aparición duns leva consigo xeralmente á aparición das outras. O século XIII é momento de expansión, coa fundación de novos centros e mosteiros en cidades destacadas, especialmente no eixo do Camiño de Santiago dende o reino de Aragón cara ás coroas de Castela e Portugal. A instalación en Pontevedra parece que tivo lugar na segunda metade do século, posiblemente, en 1271, data recollida nunha doazón feita por Maior Pérez. Outra doazón, de 1293, certifica a presenza da comunidade nese ano.

Neste último terzo do século XIII as clarisas engrosan así o eido monástico da vila pontevedresa, en certa efervescencia. Os franciscanos estarían xa presentes e, se ben a tradición e as suposicións históricas avanzan a súa presenza á primeira metade do século, non é até 1274 cando temos confirmación documental. Do mesmo xeito, en 1281 establecerase a comunidade dos dominicos. O feito de ter ás principais ordes mendicantes na vila non é cousa pequena, pois isto revela a importancia de Pontevedra, tanto en poboación coma en actividade económica e intensa vida social. A institución das Clarisas mercará, de feito, varias propiedades na vila, como casas e viñas varias, arrendaraas e participará da vida económica.

Fotografía estereoscópica de F. Zagala © Museo de Pontevedra

Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad