A VIDA COTIÁ

Zagala © Museo de Pontevedra

Entre a cela e o refectorio

 

A vida monástica organízase, paseniño, entre as vidas múltiples das monxas sobre a regra de vida común: a fogo lento e por entre as pedras e corredores do mosteiro. Unha vida monástica que marca en parte o edificio. Para o culto, parroquial, chega unha igrexa e non moito máis; acaso casa reitoral. Pero a vida conventual implica a convivencia, a actividade día a día, mes a mes, ano a ano… Para iso desenvólvese, xa non en Galicia, senón en toda Europa, unha arquitectura monumental que nos deixa amplos complexos de vida e oración.

 

O claustro é o espazo central e común, que comparte a súa importancia para a comunidade co refectorio e a sala capitular. O primeiro é lugar de comida e alimento; o segundo é cuarto de reunión para conversas da comunidade e toma de decisións. No privado, destacan as celas das monxas, habitacións propias para o descanso e a oración. O mobiliario era austero, cos equipamentos básicos para o día a día. Unha vida da clausura que transcorre entre a xestión dos asuntos mundanos (rendas, recursos…) e a oración contemplativa e devoción monástica, tan propia dos mendicantes.

Convén lembrar que esta é unha comunidade de clausura e o contacto co exterior sería ben limitado, tinxido e velado sempre polas celosías. Saliéntanse aquí dous puntos en Santa Clara: os locutorios e o torno. Os locutorios son ventás fortemente enreixadas que separaban interior e exterior, aínda que permitían a comunicación en caso de ser necesario (en ocasións cubertas con cortinas opacas). O torno é o principal contacto en caso de recibir obxectos, doazóns ou ofrendas de fóra. Rezo, vida e actividade en convivencia ocuparon o tempo das habitantes de Santa Clara de Pontevedra.

Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad